Un grupo de 12 xóvenes de Touro completan a formación como monitores de tempo libre

Un grupo de 12 rapazas e rapaces de Touro completaron a súa formación como monitores de tempo libre nun curso organizado polo Concello. Xa remataron a parte teórica e agora iniciarán as prácticas para conseguir a titulación oficial homologada pola Xunta de Galicia. O curso teórico desenvolveuse dende febreiro ata finais de abril tódolos sábados e domingos. Algúns dos participantes no curso farán as prácticas nas actividades que ao longo de todo o ano organiza o Concello de Touro. A imaxe corresponde á última clase teórica celebrada na Casa de Cultura de Touro. As rapazas e rapaces contaron co apoio da concelleira de Cultura e Educación, María Victoria Pazos Pérez, que os animou a seguir formándose e destacou a boa preparación dos participantes para buscar unha saída laboral complementaria, fundamentalmente nos meses de vacacións e lecer. O curso impartido polo Concello de Touro afrontou materias como o medio ambiente e a educación ambiental, os primeiros auxilios e a atención á diversidade, a metodoloxía educativa e o tempo libre, a psicoloxía e a organización e recursos. Os participantes mostraron tamén a súa satisfacción pola formación recibida.