Medio Rural destaca no Concello de Touro a importancia da implicación dos concellos na loita contra os lumes forestais

_A conselleira Ángeles Vázquez visitou hoxe un punto de auga para os medios antiincendios que vén de construír o concello de Touro

_Medio Rural anuncia o inicio dos trámites para incluir o Concello de Touro na IXP Castaña de Galicia tras o interés mostrado polo alcalde de Touro, Ignacio Codesido, nunha anterior visita da conselleira ao Concello

_A titular de Medio Rural anunciou que en breve entregará de títulos da parcelaria de San Xoán de Touro e San Fiz Quión, e o alcalde solicita o inicio da concentración parcelaria en outras parroquias de Touro

Fonte Díaz. Concello de Touro. 18 de xullo de 2017. A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, insistiu hoxe no Concello de Touro na importancia que ten a implicación dos concellos na loita contra os lumes forestais, non só para asegurar a limpeza das faixas de xestión, senón tamén pola súa colaboración no operativo contra os incendios. Ángeles Vázquez fixo estas declaracións nunha visita ao concello de Touro, que construíu con fondos propios e con persoal do plan de emprego da Xunta un punto de auga para abastecer aos medios do operativo antiincendios e que ademais é apto para helicópteros. “Quero agradecer ao alcalde o seu compromiso porque entendeu que nesta loita todos temos responsabilidades e debemos situarnos do mesmo lado”, declarou a titular de Medio Rural.

Neste sentido, a portavoz autonómica lembrou que a Consellería do Medio Rural leva construídos nos últimos cinco anos un total de 412 novos puntos de auga en distintas zonas de Galicia co obxectivo de reforzar e mellorar estas instalacións. En total, a comunidade conta con 5.919 depósitos nos 19 distritos forestais. Ata 1.696 na provincia da Coruña, 1.496 en Lugo, 1.447 en Ourense e 1.274 en Pontevedra. Do total, 789 son aptos para medios aéreos.

No que se refire ao compromiso do municipio, cómpre destacar tamén o bando que publicou o Concello para lembrar aos veciños as normas e distancias para a xestión da vexetación preto das vivendas e estradas co fin de reducir os posibles riscos en caso de incendio forestal. Este anuncio foi publicado tanto na web como nas redes sociais do municipio.

IXP Castaña

A conselleira aproveitou a visita para tratar outras cuestións que afectan a Touro, como a súa posible incorporación á Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia, xa plantexada polo alcalde de Touro na anterior visita da conselleira ao Concello de Touro no 2016. En concreto, o alcalde, Ignacio Codesido, mostrouse interesado en modificar o ámbito xeográfico da IXP, xa que este municipio queda fóra pero limita coa zona amparada. Neste sentido, a conselleira comprometeuse a que técnicos do Consello Regulador visiten a zona en outono para valorar a modificación do prego regulador deste selo de calidade. “É viable incorporar a Touro na IXP”, indicou a conselleira. E argumentouno: “O Concello de Touro limita con outros concellos que si están na IXP, o Concello de Touro conta tamén con plantacións de castiñeiros e históricamente o castiñeiro e a castaña teñen moita relevancia neste territorio”, apuntou Ánxeles Vázquez, quien reitorou que incluir a Touro na IXP “non ten que ser complicado”. Os técnicos do Consello Regulador visitaran o Concello no outono para iniciar os trámites e poder así incluir a Touro na IXP.

No encontro que mantiveron ambos portavoces, tamén tratáronse os avances das reestruturacións parcelarias no municipio. Neste sentido, Ángeles Vázquez sinalou que en breve se procederá á entrega de títulos en San Xoán de Touro e San Fiz Quión. O alcalde agredeceu as xestións da Consellería de Medio Rural para axilizar as concentracións parcelarias en Touro. E nun encontro que a conselleira mantivo na sede do Concello co alcalde e con outros membros da corporación, Ignacio Codesido pedíulle o inicio doutros procesos de concentración noutras parroquias de Touro. Das 19 parroquias do Concello, ainda non se acometeu a concentración en 8 parroquias. “Solicitamos a posibilidade de ir avanzando en novas concentracións”, dixo Ignacio Codesido. Ánxeles Vázquez comprometeuse a avanzar neste senso e poder iniciar nos próximos meses novos procesos en algunha parroquia de Touro. A parroquia de Fao sería unha das seguintes en acometer a concentración. E existe a posibilidade a que se sume a ese proceso algunha outra para que a área afectada esté arredor das 1.200 hectáreas. Ignacio Codesido agradeceu a “receptividade” e a “axilidade” nos procesos.

Touro é un dos concellos da provincia da Coruña con maior superficie concentrada ou en proceso de reestruturación, xa que un 68% do total do municipio atópase nesta situación. Así, conta con 13 zonas rematadas que abarcan 4.513 hectáreas e atópanse en proceso de reestruturación outras 3.347 hectáreas.