A compañía de títeres A XANELA DO MAXÍN representará o venres, día 10 de novembro, a súa obra Babá-bebé
É unha iniciativa incluida na programación do Punto de Atención á Infancia (PAI) de Touro, pero que está aberto ao público en xeral.
Babá-bebé é unha obra de pequeno formato moi estimulante, na que bebés e familias se mergullan nun espazo acolledor, seguro e propicio para desfrutar do paso das estacións, iniciando nunha primavera na que podemos observar e sentir o reino vexetal que comeza a medrar e un osiño que esperta, para despois pasar polo verán coa súa calidez e un mar que nos abraza, o ocre do outono e finalmente o frío inverno, onde o noso osiño se bota a durmir, descansando de todos os xogos e brincadeiras.
Celtia Figueiras e Topo Vidal, como intérpretes solistas, fan desta obra unha auténtica delicia para os sentidos dun xeito delicado, amable e perfectamente adecuado ás necesidades sensoriais da primeira infancia.