Os axentes económicos e sociais de Touro trasladan aos técnicos do GDR a necesidade de poñer en valor a potencialidade do río Ulla e convertilo nun factor diferenciador que xere riqueza
Fonte Díaz. 06/04/2016. O novo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ulla-Tambre-Mandeo encargado de desenvolver o programa Leader 2014-2020, que comenzará a executarse dende finais deste ano e durará ata inicios de 2023, xa comenza a traballar. Os técnicos do novo GDR, que salvo Curtis, que se integra no GDR Mariñas-Betanzos, mantén aos mesmos concellos do anterior GDR (Arzúa, Melide, Boimorto, Santiso, Touro, Toques, O Pino, Sobrado e Vilasantar) mantiveron o martes, 5 de abril de 2016, un encontro de traballo con representantes empresariais, veciñais e sociais do Concello de Touro. Na reunión, que servirá para marcar as líñas de actuación e deseñar unha estratexia co obxectivo de impulsar accións que sirvan para dinamizar este territorio durante os próximos seis anos, participou tamén o alcalde de Touro, Ignacio Codesido.
Os representantes do texido empresarial, veciñal e social de Touro apuntaron que a estratexia de futuro para potenciar a economía do Concello debe asentarse no río Ulla. Entenden que este río ten que exercer de eixo vertebrador e consideran que o territorio debe explorar a súa potencialidade para convertilo nun factor diferenciador capaz de xerar riqueza. Ainda que é cedo para falar de proxectos concretos, quedou claro que o clima benigno de Touro pode aproveitarse para impulsar proxectos vinculados á horta. Tamén se falou da promoción turística deste territorio a través do seu espazo natural coa promoción de rutas de sendeirismo pola beira do Ulla e da potenciación da ‘Ruta do Holandés’, vía alternativa ao Camiño Francés para peregrinos en bicicleta.
Os técnicos do GDR manterán unha ronda de reunións como a feita en Touro esta semana cos representantes dos outros oito concellos. Aí tomarán nota das suxerencias dos representantes sociais e económicos de cada concello para elaborar un documento final que terá que estar listo a inicios de xullo. O informe pretende coñecer como se pode dinamizar a economía rural desta zona e a través de que accións concretas para o aproveitamento dos recursos locais. Os técnicos que poñeran en marcha o novo GDR tamén queren contar coas ideas e suxerencias da poboación en xeral destes nove concellos, para o que farán unha asamblea aberta ao público.
A finais de 2015 finalizou o plan 2007-2013 dos anteriores GDR, xa que se conta con dous anos máis para a execución dos proxectos aprobados. O plan 2014-2020 reflexa unha reestructuración e deixa en 24 os novos GDR, fronte aos 31 de antes. A Xunta pon a disposición un orzamento de 84 millóns de euros, fronte aos anteriores 148 millóns de euros.