Como xa se adiantou o pasado domingo durante a celebración da IX Carreira Pedestre e Popular Concello de Touro, este domingo, día 24, disputarase nesta localidade o I Quad Cross Country/ Motos, que está organizado polo clube Os do Jatillo e que conta coa colaboración deste Concello. É puntuable para o Campionato Galego.
“Eliximos Touro porque nos gusta a localización e ademais permitiu deseñar un percorrido que sabemos que é fabuloso e vai gustar a todos os públicos. Tamén polo potencial da zona e porque o Concello nos amosou o seu apoio para colaborar con nós e botar unha man”, sinala o clube.
Esta será unha carreira que destaque polo número de inscritos. De feito, o prazo para anotarse finalizou este mércores e hai anotados un total de 126 participantes, dos cales 47 son quads.
“É un gran éxito porque a nivel nacional é complicado conseguir tan alto grao de participación, polo que vai ser das mellores de toda España en referencia ao número de participantes, tanto en quads como en motos”, recalca a organización. Ademais, destaca que asistirán pilotos de todo ámbito nacional e de gran renome.
Horarios:
● 8:30 a 9:50 horas: Verificacións administrativas.
● 8:35 a 10:00 horas: Verificacións técnicas.
● 10:00 a 10:10 horas: Briefing.
● 10:15 a 10:35 horas: Adestramentos libres Quads Grupo 1.
● 10:40 a 11:00 horas: Adestramentos libres Quad Grupo 2.
● 11:05 a 11:25 horas: Adestramento libres motos.
● 11:50 horas: Feche preparque.
● 12:00 horas: Carreira quads.
● 13:50 horas: Feche preparque.
● 14:00 horas: Carreira motos.
● 16:30 horas: Entrega de premios.
Pola súa banda, o Concello de Touro destaca a importancia de competicións coma estas que reúnen a un gran número de participantes chegados de distintos lugares e
agradece á organización que elixiran este municipio. Cabe mencionar que na Carreira Pedestre Popular do Concello de Touro "Os do jatillo" foron os encargados de abrir e pechar as diferentes categorías.