Nova incorporación no Centro de Interpretación

O Concello de Touro incorpora a unha técnica no Centro de Interpretación do Ulla para poñer en valor os recursos e o patrimonio do territorio que baña o río

 

Fonte Díaz. 16 de xaneiro de 2017. O Concello de Touro incorporou a inicios de ano a unha técnica para levar o Centro de Interpretación do Río Ulla, ubicado na zona de servizos de Fonte Díaz, e que pretende ser un centro de formación e interpretación que poña en valor os relevantes aspectos naturais, culturais e etnográficos do río Ulla e de todo o seu entorno. O Concello de Touro acolleuse a un programa da Deputación da Coruña para dotar de personal técnico ao citado centro de atención e dinamización do Río Ulla. A técnica, Cristina Vázquez Casal, incorporouse a inicios de ano e desenvolverá durante un tempo limitado o traballo para dotar de contidos o Centro de Interpretación, que pretende abandeirar a dinamización e promoción dun río que exerce como vertebrador dun territorio que afecta a una vintena de concellos e que implica ás provincias de Lugo, Pontevedra e A Coruña. “Queremos poñer en valor o territorio que baña o río Ulla”, explica Cristina Vázquez Casal, que agora traballa na programación de actividades e contidos do centro. A nova técnica invita tanto aos veciños e veciñas de Touro como a todos os habitantes dos concellos bañados polo Ulla a aportar documentación sobre o río que poida ser útil para entender a súa relevancia. E pon exemplos: fotografías, instrumentos de traballo vinculados ao río, publicacións antigas e calquiera tipo de documentación… Cristina Vázquez Casal manterá tamén contacto cos 20 concellos que baña o río para deseñar unha programación de actividades e contidos. “Queremos implicar a todos os concellos, dende o nacemento do Ulla ata a súa desembocadura, dende Antas de Ulla ata Vilagarcía de Arousa”. Na actualidade está en marcha, con relevante éxito, o programa ‘Goza do Ulla’, unha iniciativa turística vinculada ao territorio e á natureza, que conta cunha programación dende a primavera ao outono de rotas de sendeirismo polos 20 concellos e sempre vinculadas ao Ulla. Ademáis tamén se programan outras actividades, ademáis das rotas, para dar a coñecer o río. “Todo o traballo que se ten feito arredor do Goza do Ulla serverá para dotar de contido ao Centro de Interpretación”, explica a técnica, que lembra que esta nova infraestructura estará aberta a todos, a nenos e nenas, a maiores, a turistas, a foráneos, a veciños…. “Queremos que sirva para potenciar un rico patrimonio natural, cultural e etnográfico”, engade, ao tempo que reitera que o obxectivo é: “Dar a coñecer e poñer en valor o río Ulla, patrimonio de todos”.