RUTA TURÍSTICA CULTURAL
Dita ruta vai transcorrer a través das parroquias de Touro, Quión, Beseño e Turces.
A accesibilidade é moi boa en toda a Ruta, podendo realizar esta, a pé ou en coche.
Esta ruta desenvólvese a través das parroquias antes mencionadas, nun percorrido duns 12 kilómetros, onde podemos destacar varias etapas con paradas importantes:
Igrexa de San Xoán de Touro: é unha das igrexas do concello mellor conservadas e que presenta unha beleza arquitectónica espectacular.
Muíño de Rozas: foi rehabilitado no ano 2002, e agora presenta un gran estado de conservación e preséntase un recurso importante, xa que, confórmase como un exemplo moi salientable da arquitectura dos muíños da zona.
Igrexa de San Félix de Quión: moi salientable dentro da arquitectura relixiosa do concello. O seu carón tamén se ve a Casa Rectoral, que presenta un mal estado de conservación.
Fonte de Valladolid: a parada perfecta para refrescarse cá auga da fonte e admirar a paisaxe na que se atopa.
Muíño de Laña: pese a ser privado e non poder acceder ó seu interior, o muíño é visible dende a pista.
Casa Míguez: establecemento de turismo rural, na parroquia de Quión.
Zona de Augasantas: xa na parroquia de Beseño. Esta é unha zona que concentra varios recursos entre os que destacan a carballeira, o cruceiro, a capela ou a fonte.
Casa A Pena de Augasantas: establecemento de turismo rural, na parroquia de Beseño.
Fonte e lavadoiro de Oca de Abaixo.
Granxa Escola Arquesán: situada na parroquia de Turces, é un complexo adicado á transformación alimentaria para obter queixo, ademais de constituír o primeiro centro con actividades de granxa escola do concello.
Pazo de Andeade: foi o primeiro establecemento de turismo rural do concello e sitúase na parroquia de Andeade.
Na etapa de realización deste traballo, esta ruta estaba en proceso de elaboración e posta en marcha. Polo tanto, o grao de explotación que presenta non é posible expresalo, xa que, aínda non se chegou a poñer en práctica.
A promoción corre a cargo do concello, que é a entidade que pretende por en marcha dita actividade. Ademais, algunhas das entidades que forman parte do percorrido da ruta, tamén teñen un gran interés na posta en marcha e realización desta ruta.
De cara ó futuro, esta ruta presenta, a priori, unha gran posibilidade de explotación e atracción turística, debido fundamentalmente a que é a única ruta cultural que existe no concello.