Procedemento de recoñecemento de competencias Profesionais

Resolución do 17 de marzo de 2011, da Dirección Xeral de Formación e Colocación, pola que se realiza a convocatoria pública do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia da área de atención sociosanitaria do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais.

 

O prazo para a presentación de solicitudes será de 30 días naturais, a partir do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no BOE (publicada 28 de marzo de 2011)

 

Esta resolución ten por obxecto convocar, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o procedemento para a avaliación e acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación, nas unidades de competencia das cualificacións profesionais de Atención sociosanitaria a persoas no domicilio, aprobada polo Real decreto 295/2004, do 20 de febreiro; e Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, aprobada polo Real decreto 1368/2007, do 19 de outubro, incluídas no Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, no marco do artigo 8º da Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, e ao abeiro do Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral.

 

 As persoas que desexen participar no procedemento deberán cumprir os seguintes requisitos:


a) Posuír a nacionalidade española, atoparse incluído, como residente comunitario ou familiar deste, no ámbito de aplicación do Real decreto 240/2007, do 16 de febreiro, sobre entrada, libre circulación, residencia en España de cidadáns da UE; ou ser titular dunha autorización de residencia en España en vigor.


b) Ter cumpridos 20 anos no momento de realizar a inscrición neste procedemento.

c) Ter experiencia laboral e/ou formación non formal relacionada coas competencias profesionais que se queren acreditar:


c.1) No caso de experiencia laboral: xustificar polo menos 3 anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas en total nos últimos 10 anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria.


c.2) No caso de formación non formal: xustificar polo menos 300 horas nos últimos 10 anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria. Naqueles módulos formativos asociados á unidade de competencia que se pretende acreditar que consideren unha duración inferior deberanse acreditar as horas establecidas nestes.


2. Os candidatos, maiores de 25 anos, que reúnan os requisitos de experiencia laboral ou de formación indicados no punto anterior, e que non os poidan xustificar mediante os documentos sinalados no artigo 6º desta resolución, poderán solicitar a súa inscrición provisoria no procedemento. Deberán presentar xustificación mediante algunha proba admitida en dereito da súa experiencia laboral ou aprendizaxes non formais de formación. A Dirección Xeral de Formación e Colocación designará os asesores e asesoras necesarios para estudar estes casos e emitirá un informe sobre a procedencia ou non da participación da persoa candidata no procedemento. Se o informe é positivo, procederase á inscrición definitiva.


 

Puntos de información.

1. A Consellería de Traballo e Benestar garantirá un servizo aberto e permanente que lles facilite información e orientación a todas as persoas que o soliciten.


2. Nesta convocatoria a información e orientación necesaria para aquelas persoas que queiran participar no procedemento será facilitada nos seguintes sitios:


-Nas oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia.

-Nas xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar.

-Nos centros propios de formación profesional ocupacional da Consellería de Traballo e Benestar.

-Na Fundación Galega da Formación para o Traballo.

-No Instituto Galego das Cualificacións.

 

3. En cada punto de información existirá polo menos un/unha profesional (orientador/a ou técnico de formación/emprego) designado pola Consellería de Traballo e Benestar para o desenvolvemento destas funcións.

 

Os interesados deberán presentar a solicitude no modelo que figura no anexo III desta resolución, e que tamén se poderá xerar da páxina web da Consellería de Traballo e Benestar: http://traballoebenestar.xunta.es. Unha vez cuberta, preferentemente en soporte dixital, esta solicitude deberase imprimir para a súa presentación.


A solicitude deberase dirixir ao Instituto Galego das Cualificacións e presentarase no rexistro da Consellería de Traballo e Benestar. Tamén se poderá presentar en calquera oficina de rexistro da Xunta de Galicia ou do Portelo Único, ou por calquera das formas establecidas no artigo 38º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.