Os veinte concellos bañados polo Ulla avanzan na creación dunha asociación que promova o seu desenvolvemento turístico

Xa están redactados os estatutos da que se denominará Asociación de Concellos do Ulla e que estará operativa nos primeros meses de 2020

Fonte Díaz. 21/09/2019. Os 20 concellos que son bañados polas augas do río Ulla avanzan na creación de unha asociación que promova o desenvolvemento turístico deste territorio que discorre polas provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra. Esta mesma semana reuníronse na sede do Concello de Touro, en Fonte Díaz, representantes dos vinte concellos para avanzar na redacción dos estatutos da que será a Asociación de Concellos do Ulla ou Asociación de Concellos da Ribeira do Río Ulla. Agora queda mellorar e afinar esa redacción nos próximos meses. Está prevista unha nova reunión a curto prazo no Concello de Vilagarcía. O alcalde de Touro, Ignacio Codesido Barreiro, que presidiu a reunión desta semana en Touro, confía en que a asociación comence a traballar xa como tal e despois de recibir o 'visto bo' da Administración autónomica a inicios do próximo ano.

A Asociación de Concellos do Ulla terá personalidade xurídica propia e estará integrada polos municipios de Vila de Cruces, Agolada, Antas de Ulla, Monterroso, Palas de Rei, Santiso, Arzúa, Touro, Boqueixón, Vedra, Teo, Padrón, Dodro, Rianxo, Vilagarcía de Arousa, Catoira, Valga, Pontecesures, A Estrada e Silleda. Según o borrador dos estatutos, a asociación terá sede rotatoria entre os concellos membros e estará emprazada no municipio no que o seu alcalde ou alcaldesa ocupe a presidencia. A proposta de redacción dos estatutos, xa debatida na reunión desta semana en Touro, deberá agora ser revisada e enriquecida por novas melloras por parte dos Concellos. Nunha próxima reunión dos 20 protagonistas en Vilagarcía deberá quedar pechada esa redacción, que posteriormente recibirá o 'visto bo' definitivo de cada un dos concellos que a integrarán. A asociación, sen animo de lucro, deberá recibir a aprobación da Administración Autonómica para comenzar a funcionar e estar operativa, según previsións dos impulsores da iniciativa, nos primeiros meses do próximo ano 2020.

A asociación encargarse de “promover o desenvolvemento turístico” dos concellos do Ulla, “achegando a cooperación destas institucións locais e contando co apoio das deputacións provinciais, da Comunidade Autonómica, a Administración do Estado, mancomunidades e outras formas de agrupacións de concellos vinculados a río Ulla”. Tamén “promoverá a defensa do patrimonio natural e histórico-artístico da ribeira do río Ulla, planificará e executará iniciativas de desenvolvemento sostible” e impulsará “a promoción turística conxunta”. Os estatutos da futura asociación indica que entre os seus fins estará “fomentar e propoñer iniciativas que procuren o incremento do movemento turístico” e que impulsen “a identidade do conxunto do territorio como destino turístico con identidade propia”. Os 20 concellos tratarán de “incluir o proxecto no marco dos programas da Unión Europea” e doutras administración. A asociación tamén servirá para “representar aos concellos da ribeira do Ulla en cantos proxectos, convenios, acordos ou similares de carácter público ou privado se orienten ao cumprimento destes obxectivos e fins”.

O programa ‘Goza do Ulla’, que ofrece cada ano un total de vinte rutas de sendeirismo para disfrutar con toda intensidade do río Ulla dende o mes de maio ata novembro, é o xermolo da que será a Asociación de Concellos do Ulla. O programa foi unha iniciativa do Concello de Touro á que se foron sumando pouco a pouco os concellos do Ulla ata chegar aos 20 que integran este proxecto. Os 20 concellos bañados polo Ulla manteñen firme a súa aposta por deseñar, crear e impulsar unha Gran Ruta do Ulla a pé, un itinerario de sendeirismo de 250 quilómetros ininterrompidos pola beira do río e que que se creará coa unión dos roteiros habilitados por cada concello. Esta gran ruta de sendeirismo terá ao Ulla como referencia.