Ignacio Codesido Barreiro, elexido alcalde de Touro con maioría absoluta

Fonte Díaz. 15/06/2019. Ignacio Codesido Barreiro foi elexido esta mañán alcalde do Concello de Touro con maioría absoluta. O alcalde obtivo seis votos dos concelleiros do Partido Popular, o seu grupo municipal, que nas pasadas eleccións municipais revalidou a maioría absoluta. A corporación está integrada por 11 actas. Ignacio Codesido Barreiro renova así unha lexislatura máis o cargo de primeiro edil do concello de Touro con máis do 50% dos votos emitidos o 26 de maio.

A nova corporación municipal está composta por seis concelleiros do Partido Popular (Ignacio Codesido Barreiro, Jesús Martínez Pereira, Alfredo Souto Castelo, Adela Isabel Iglesias Tojo, María Josefa Codesido Barreiro e Manuel Puga García); tres concelleiros de Marea Veciñal (Roberto Castro Rocamonde, María Elvira Martínez López e Darío Rey Suárez); un concelleiro do BNG (Xoán Antón Louzao Rodríguez) e unha concelleira do PSOE (Gemma Verónica López de Fuentes). Pasadas ás 12.00 horas, unha vez que os 11 concelleiros do Concello de Touro tomaron posesión da súa acta, votaron aos seus candidatos a alcalde. Ignacio Codesido (PP) obtivo 6 votos; Roberto Castro Rocamonde (Marea Veciñal), logrou 3 votos; Xoán Antón Louzao (BNG), 1 voto; e Gemma Verónica López de Fuentes (PSdeG), obtivo outro voto. Ante o resultado da votación no salón de plenos do Concello de Touro, o candidato do PP, Ignacio Codesido Barreiro, foi proclamado alcalde do Concello de Touro con maioría absoluta. Tras recoller o bastón de mando de mans de Alfredo Souto Castelo, o concelleiro de máis idade, o alcalde de Touro dirixiu unhas palabras aos veciños que acudiron ao salón de plenos. “Doulle a benvida aos novos concelleiros e desexo que sexa unha lexislatura na que prime a cordialidade entre os que formamos a nova corporación municipal”, apuntou Ignacio Codesido, quen manifestou que “como alcalde traballará polos veciños e veciñas de Touro”.