Os 20 alumnos do Obradoiro de Emprego Ulla-Tambre I, impulsado por Touro e O Pino, listos para mergullarse no mercado laboral

O xefe territorial da Consellería de Emprego, Economía e Industria, Isidoro Martínez, e os alcaldes de Touro e O Pino, entregaron os diplomas aos asistentes e destacaron que a formación que recibiron permítelles “abrir a porta do emprego”

Fonte Díaz. 28/06/2018. Os 20 alumnos que participaron ata hoxe e nos últimos nove meses no Obradoiro de Emprego Ulla-Tambre I, impulsado polos municipios de Touro e O Pino, xa están preparados para mergullarse no mercado laboral. “Esta formación, que conta cun certificado de profesionalidade, facilita a vosa inserción laboral e mellora as posibilidades de que vos integredes no mercado de traballo”. Quen así falou foi o xefe territorial da Coruña da Consellería de Emprego, Economía e Industria, Isidoro Martínez Arca, que foi o encargado de clausurar esta iniciativa que se desenvolveu nos concellos de Touro e O Pino dende o mes de setembro e que contou cun investimento de 280.000 euros. Isidoro Martínez estivo acompañado polos alcaldes, Ignacio Codesido e Manuel Taboada; e pola directora do obradoiro, Iria Martínez Amarelle. A entrega de diplomas tivo lugar na  Casa da Cultura de Touro.

Os alumnos-traballadores recibiron formación en actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría. Dentro das actuacións que se levaron a cabo no concello de Touro inclúense o mantemento e axardinamento nos xardíns do Concello en Fonte Díaz, a posta en funcionamento con producción de planta no invernadoiro municipal, o mantemento da área recreativa de Santaia, ou da área recreativa de Brandelos. No Pino, acondicionouse, como accións máis destacadas, a área recreativa da Magdalena, da Carballeira de Gradamil, do campo de festa de Pastor, da área recreativa fluvial do Tambre, do campo da festa de Gonzar, da área recreativa de Ponte da Pedra, da área de descanso de Lengüelle e do campo da festa de San Miguel de Cerceda.

Ulla-Tambre I estivo financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, e o seu equipo docente estivo composto por unha directora, catro docentes e un auxiliar administrativo. Contou cun investimento de 280.000 euros. Hoxe os alumnos-traballadores recibiron un certificado de capacitación profesional que lles habilita para empregarse nas especialidades nas que se formarán durante nove meses.

Isidoro Martínez Arca destacou o “obxectivo claro de dar formación a persoas desempregadas”. “O reto é que consigades incorporarvos ao mercado laboral”, apuntou aos participantes no Obradoiro antes de facer entrega das acreditacións. Salientou a importancia da colaboración entre os concellos “para xerar oportunidades na loita polo desemprego” e a Administración autonómica. A Xunta tamén aposta pola continuidade destas accións e destaca que a formación recibida sirve para impulsar o emprendemento. O alcalde do Pino, Manuel Taboada, dixo que a formación recibida “servirá de impulso para abrir a porta do emprego aos 20 participantes”. O rexedor de Touro, Ignacio Codesido, destacou a colaboración entre as diferentes administracións para combatir o desemprego e felicitou aos asistentes.

Na provincia da Coruña desenvolvéronse 24 obradoiro de emprego, 16 deles de carácter xeral, onde participaron alumnos e alumnas de calquera idade e oito de Garantía Xuvenil, para mozos a mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas investíronse en políticas activas de emprego máis de 5,4 millóns de euros na provincia. Estes obradoiros permiten que un total de 440 persoas desempregadas se formasen nun oficio.