Un centenar de ciclistas participan o domingo no ‘I Trofeo de Ciclismo Concello de Touro Camiño do Holandés’

Arredor de 100 ciclistas federados participarán o próximo domingo, día 3 de abril, no I Trofeo de Ciclismo Concello de Touro Camiño do Holandés. Os participantes, integrados nunha quincena de equipos e tamén a título individual, proceden de toda Galicia, de Asturias e do norte de Portugal. A proba ciclista é para categorías Máster 30, 40, 50 e 60 e será puntuable para  a Challenge CCAGC O Pino-Touro-A Estrada (Club Ciclista Asociación Galega de Ciclistas), que consta doutras dúas probas ademáis da de Touro: a do Pino, xa celebrada, e a da Estrada, que se celebará o 24 de abril.
“A resposta está sendo moi boa”, destaca Juan Bello, organizador da proba e vinculado ao CCAGC, quen confía en que o tempo acompañe. O Concello de Touro quere con esta cita ciclista dar visibilidade e poñer en valor á ‘Ruta do Holandés’, que se converteu nunha das vías favoritas para os peregrinos que deciden facer o Camiño Francés de Santiago en bicicleta. A baixa afluencia de caminantes convértena nunha alternativa cómoda e tranquila para os cicloturistas holandeses e do norte e centro de Europa. Boa parte da proba do domingo percorrerá a AC-240, pola que discurre a 'Ruta do Holandés'.
O I Trofeo de Ciclismo Concello de Touro Camiño de Holandés dispútase o domingo a partir das 10.30 horas. A saída e a chegada estarán en Fonte Díaz, capital do Concello. O circuito consta de 67,40 quilómetros ao longo das estradas do Concello. Está previsto que a proba remate entre as 12.30 e as 13.00 horas, dependendo do ritmo da carreira. Juan Bello apunta que o traxecto é “espectacular”. “A proba percorre as estradas de Touro e chegará a paraxes fermosas á beira do Ulla”. Os organizadores catalogan esta proba como “unha clásica de inverno” polas datas nas que se celebra, pola paisaxe e pola orografía. Non será posible encontrar máis de 1,5 quilómetros sen subidas ou baixadas.  Ao final de proba do domingo haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría.