Unha trintena de profesionais do sector turístico e das actividades deportivas participaron hoxe na xornada celebrada en Touro sobre o potencial do cicloturismo no xeodestino nas terras de Ulla e Tambre

O GDR Ulla Tambre Mandeo traballa no deseño e posta en marcha dunha Ruta Cicloturista do Ulla duns 80 quilómetros que aproveite infraestructuras existentes, que de protagonismo á conca fluvial e que implique ao territorio dos concellos

Fonte Díaz. Unha trintena de profesionais das terras de Ulla e Tambre vinculados aos sectores das actividades deportivas, do turismo no medio rural e técnicos de diferentes Concellos participaron o día 29 de novembro do 2022 na Casa Consistorial de Touro, en Fonte Díaz, na Xornada sobre o Potencial do Xeodestino Ulla Tambre Mandeo como Destino de Cicloturismo. O encontro, organizado polo GDR Ulla Tambre Mandeo, serviu para dar a coñecer as posibilidades desta comarna na aposta polo cicloturismo. O GDR, na súa estratexia para os próximos anos, pretende apostar por este tipo de turismo sostible. Xa traballa no deseño, aproveitando as infraestructuras xa existentes, dunha Gran Ruta Cicloturista do Río Ulla, de arredor de 80 quilómetros. O GDR manifestou a súa satisfacción polo apoio do sector turístico e deportivo ás súas iniciativas, posto de manifesto na xornada de hoxe.

O presidente do GDR Ulla Tambre Mandeo, Manuel Taboada, tamén alcalde do Pino, inaugurou a xornada xunto co rexedor de Touro, Ignacio Codesido. Manuel Taboada destacou a aposta polo cicloturismo dos 9 concellos que integran o GDR, unha estratexia que, ao seu xuízo, “serve para poñer en valor o noso territorio”. E dixo que esta filosofía serve tamén para “apostar polo rural”. “Confiemos en que dé os seus froitos”.

O alcalde de Touro e vicepresidente do GDR destacou que o seu concello “leva máis de 15 anos apostando polo Ulla como eixo central dunha oferta turística baseada no vivir de vagar, no contacto coa natureza, a gastronomía local, a pausa e o relax”. Ignacio Codesido destacou a iniciativa do GDR para o pograma Leader 2023-2027, que consiste “en poñer en marcha unha ruta cicloturista que vai do nacemento do río Ulla ata a súa desembocadura”. O alcalde de Touro destacou que “sería a primeira gran ruta cicloturista vinculada a un río en Galicia”. Lembrou que “Touro e a súa comarca é un destino turístico sustentable e de calidade”. Ignacio Codesido aproveitou tamén para lanzar unha petición aos presentes: “É imprescindible que creades negocios de hostalaría de gran calidade porque seredes os principais beneficiarios das accións futuras e presentes do GDR”. Rematou a súa intervención depositando “moita ilusión no proxecto da Ruta Cicloturista do Río Ulla” porque “será unha gran oportunidade nun futuro moi próximo”.

O xerente de Sherpa Project, Guti Martín, foi o ponente que abriu a xornada. O GDR Ulla Tambre Mandeo encargou a esta empresa un estudo sobre a viabilidade dunha Ruta Cicloturista do Río Ulla utilizando as infraestucturas xa existentes do territorio, dando protagonismo á conca fluvial e implicando aos municipios. “Non se trata de unir puntos no seu trazado e si de darlle unha coherencia para que o territorio e o seu río sexan os protagonistas”.

A ruta inicial deseñada conta con casi 80 quilómetros. “É para facer en un ou dous días”, apuntou Guti Martín, quen lembrou que para ter éxito debe contar cunha infraestructura axeitada, con atractivo e con servizos de apoio. A empresa Sherpa Project deseñou dous trazados para esa ruta. Un deles está orientado ao cicluturismo e o outro está destinado a BTT. “Agora teremos que traballar para saber que queremos para este territorio”. Entre os requisitos para poñer en marcha este proxecto nun prazo de tres anos dixo que a iniciativa debe contar cun “Plan de Xestión, un Plan de Mantemento, a implicación do sector turístico e un Plan de Promoción”.

Na xornada de hoxe tamén participaron como ponentes Javier Garcia, xerente de Insólito Proyectos, que falou da Xestión do cicloturismo en destinos rurais en Aragón; Luis Poch, CEO de Bikefriendly Group, que abordou o Bikefiendly e a súa aposta polo cicloturismo; e Begoña Abalo, asesora de viaxe en Tee Travel, que expuso as Claves para conquistar o turismo deportivo.

Os asistentes á xornada participaron no proceso para a elaboración das Claves estratéxicas futuras do turismo no xeodestino Ulla Tambre Mandeo. O GDR está agora deseñando a estratexia de desenvolvemento rural para o próximo periodo dos fondos Leader, que vai do 2023 ata o 2027. Todos os profesionais que participaron no encontro de hoxe tiveron a oportunidade de opinar e aportar ideas para para construir o rural “que queremos” no futuro máis próximo, según destaca o propio GDR.

 

profesionais do sector turistico 1