O Concello de Touro descobre o seu primeiro petroglifo no seu territorio.

O 2017 despídese en Touro cunha noticia estrela, a localización dun petróglifo no límite entre as parroquias de Circes e Calvos de Socamiño.

A nova mostra de arte rupestre, de excepcional rareza nesta zona, está próximo ao percorrido da ruta “Unindo camiños polo Ulla” mesmo no límite entre as  parroquias de Circes e   Calvos de Socamiño e na lousa distínguense múltiples coviñas, según un informe do Colectivo A Rula.

Fonte Díaz 28 de decembro de 2017. O Concello de Touro informa da localización do primeiro petroglifo no seu territorio, ubicado concretamente entre as parroquia de Circes e Calvos de Socamiño. O traballo de investigación na ribeira media do Ulla levou aos técnicos do Concello de Touro, con apoio da Asociación Cultural Colectivo A Rula, á localización dunha nova mostra de arte rupestre do grupo galaico de relevante interese pola súa situación, historia, morfoloxía e soporte. O petroglifo está localizado moi próximo ao roteiro ‘Unindo Camiños polo Ulla’ que une a ruta da Fervenza das Hortas-Santa Marta coa desembocadura do río Lañas, na actualidade en trámites de homologación. Na lousa distínguense múltiples ‘coviñas’, algunhas delas claramente comunicadas entre si.

A nova mostra de arte rupestre sitúase concretamente no Monte da Pena Furada, na beira do chamado Camiño das Chousas, que cruza o monte e enlaza coa estrada que comunica as parroquias de Calvos e Circes. A espera dun pormenorizado informe patrimonial, a Asociación Cultural Colectivo A Rula elaborarou un informe sobre o descubrimento. O veciños das parroquias de San Martiño de Calvos de Socamiño e Santa María de Circes xa coñecían este antigo ben cultural, un fito de referencia na paisaxe que mesmo da nome ao monte da súa contorna. O petroglifo non figura en ningún catálogo e publicación coñecida, e por tanto, tampouco no actual inventario patrimonial que inclúe o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Touro aprobado no ano 2010.

Os gravados distribúese por casi toda a superficie dunha pena de lousa de casi dous metros de longo por un metro de largo situado case a rentes do chan. O petróglifo conta como motivos principais máis de corenta coviñas e cazoletas de forma redondeada e ovoide distribuídas por case a totalidade da superficie da pena. As dimensións dos motivos oscilan entre os dous e os 12 centímetros e a súa fondura, entre 1 e 3 centímetros, según destaca o informe do colectivo A Rula.

Lamentablemente a rocha consérvase fragmentada, probablemente a causa da actividade extractora dos canteiros. É razoable pensar, que o número dos motivos fora maior. Os investigadores do Colectivo A Rula consideran que dada a simplicidade dos deseños é complicado aventurar unha cronoloxía e precisar un periodo concreto da prehistoria na que fosen elaborados. En moitas ocasións este tipo de petroglifos constitúen un palimpsesto no que se remarcan os gravados prehistóricos e mesmo se engaden novos elementos que dificultan a interpretación do petroglifo. Atendendo ás evidentes semellanzas con outras laxes do grupo galaico da arte rupestre, pódese datar nun amplo periodo de tempo que vai dende finais do Neolítico ata finais da Idade de Bronce.

 Petróglifo da Pena furada

Petróglifo da Pena furada

 

Por que é relevante o petroglifo de Pedra Furada?

O Colectivo A Rula aporta varios aspectos que contribúen a resaltar a importancia do petroglifo de Pedra Furada, no Concello de Touro. Son escasos os petroglifos que teñen a lousa como soporte. En segundo lugar, o petroglifo é una rareza pola escasa presenza deste tipo de representacións xa non  no  municipio de Touro senón tamén en toda a comarca de Arzúa e en zonas lindeiras como Terra de Melide.

 

O petroglifo figura referenciado na documentación do arqueólogo Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza que custodia a súa familia. Na súa axenda do ano 1953 consta un apuntamento sobre o ‘Petroglifo de Calvos’, achegado por un dos seus mellores colaboradores, Aldolfo Calvo, o coñecido practicante municipal do Concello de Teo e descubridor doutros petroglifos na comarca de Compostela. O Colectivo A Rula desta que “una vez garantida a súa conservación, o xacemento merece a súa promoción mediante a sinalización e colocación dun pequeno panel explicativo que facilite a súa axeitada interpretación e, deste xeito, se convirta nun recurso patrimonial máis desta nova ruta de sendeirismo” xunto a outro elemento en estudo chamado “ Pena das Letras”

 

A pena da Letras

Trátase dunha gran peneda  vertical localizada na “Devesa da Pena”, a tan só 450 m ó SO do petróglifo da Pena Furada e a uns 100 m. do río Ulla. Fica  ó carón do camiño tradicional por onde transcorre a ruta.

A rocha sobresae na paisaxe a pesar da vexetación que agocha boa parte da súa superficie.  Conta na parte superior cunha curiosa inscrición incompleta dividida en dous rexistros e acompañada de dúas cruces gregas que rematan en dous pequenos trazos lineais na súa base a modo de pedestal. As dúas cruces semellan marcar o inicio de lectura de cada liña de inscrición.

É cedo para aventurar calquera hipótese pero non semella tratarse dunha inscrición de carácter popular senón mais ben dun rexistro culto que podería estar indicando que a pena servise de marco lindeiro dalgunha propiedade ou espazo con certa relevancia, fose civil ou relixiosa.

petro3

Gravado da Pena das Letras