Vinte desempregados formados no ‘Obradoiro de Emprego Ulla-Tambre’ impulsado por Touro e O Pino, listos para incorporarse ao mercado laboral

Os alcaldes dos dous concellos destacan as maiores posibilidades que os alumnos teñen para encontrar un traballo tras especializarse no Mantemento de Xardíns e Zonas Verdes e en Repoboacións Forestais e Tratamentos Silvícolas
Fonte Díaz. 04/03/2016. Os 20 alumnos formados no ‘Obradoiro de Emprego Ulla-Tambre’, promovido e impulsado polos concellos de Touro e O Pino, recibiron hoxe en Fonte Díaz os seus certificados de profesionalidade de mans do director xeral de Orientación Laboral, Xosé Alfonso Marnotes; do alcalde de Touro, Ignacio Codesido; e do rexidor do Pino, Manuel Taboada. No peche do obradoiro, que tivo lugar na Casa da Cultura de Touro, participaron tamén ademáis dos alumnos, os formadores e concelleiros de Touro. Estes dous Concellos solicitaron á Xunta e desenvolveron conxuntamente o ‘Obradoiro de Emprego Ulla-Tambre’ nas especialidades de Mantemento de Xardíns e Zonas Verdes e Repoboacións Forestais e Tratamentos Silvícolas.
 
O director xeral felicitou aos dous concellos por solicitar conxuntamente o proxecto. Destacou as actuación feitas no mantemente do patrimonio natural durante este tempo e dixo aos alumnos que agora teñen unha boa oportunidade para incorporarse ao mercado laboral ao ter xa nas súas mans os certificados de profesionalidade. “Hai demanda neste sector”, dixo.
Pola súa banda, o alcalde de Touro tamén destacou a posibilidade de que os 20 desempregados poidan incorporarse ao mercado laboral. Resaltou os traballos acometidos para manter os espacios naturais públicos do Concello de Touro e aproveitou a presencia do director xeral para solicitar un novo obradoiro de emprego. O alcalde de O Pino pregunto aos presentes si o obradoiro valera a pena facelo. Todos contestaron cun rotundo si. Tamén falou das maiores opcións de buscar unha saída laboral neste sector e destacou os traballos feitos polo equipo de 20 persoas.
 
O ‘Obradoiro de Emprego Ulla-Tambre’, que foi destinado a 20 desempregados (dez para cada especialidade), estivo inscrito nunha acción global que desenvolveron os Concellos de Touro e O Pino e que tivo como obxectivo a posta en valor do patrimonio natural e etnográfico, a promoción turística do territorio e a inserción laboral de desempregados. Os dous Concellos tamén pretenden con esta acción mellorar a ocupación das persoas desempregadas neste territorio coa cualificación profesional adquirida a través da experiencia laboral mediante a realización de obras ou prestación de servizos de utilidade pública ou interese social.
Os alumnos/as traballadores participantes están agora en condicións de acceder ao mercado laboral, ben por conta allea ou creando a súa propia empresa. Os Concellos de Touro e O Pino destacan a importancia que supón a realización deste obradoiro de emprego. “O sector turístico e forestal son un motor de despegue económico da comarca”, lembran dende os dous concellos. E destacan que os traballos feitos consistiron en potenciar recursos e elementos que puxeran en valor o potencial turístico e forestal. A masa forestal, un recurso endóxeno por explotar, é nestes dous concellos da máis abundante da comarca.