A realización de certas actividades sobre o medio do concello poden provocar desequilibrios ecolóxicos que teñen efectos negativos denominados como problemas medioambientais. Estas actividades tamén poden afectar a comunidades animais e vexetais podendo chegar incluso á desaparición de especies.
Actualmente para a realización de calquera actividade no medio é necesario realizar un estudio de impacto ambiental desa actividade na zona, para poder tratar e paliar os efectos ambientais e os danos que poidan producir.
Dentro do concello de Touro débense destacar os impactos que producen:
- Problemas derivados dos procesos extractivos: actualmente non son moi importantes, pero si o foron no pasado na Mina de Río Tinto, que permaneceu aberta case unha década, e onde se extraía Cobre. Estes procesos extractivos tiveron repercusión na fertilidade do solo e na calidade das augas. En canto a auga, os problemas que presenta son tanto de cantidade, escaseza da mesma, como de calidade, sexa inapropiada para o consumo tanto humano, animal ou agrícola.
- Problemas derivados da actividade agraria e gandeira: os máis salientables son a utilización de fertilizantes e pesticidas xunto cá gandería intensiva que leva consigo a contaminación de solo e augas. A utilización de maquinaria para a realización destas actividades tamén supón un problema medioambiental. É importante destacar tamén o problema que supoñen os desfeitos animais e os procesos de ensilado, que non só contaminan o solo, senón tamén o aire.
- Problemas derivados da deforestación: os problemas provocados polos incendios no concello de Touro son menores en número e impacto nestas últimas décadas, xa que, é un aspecto que se vixía moito, aínda que tivo consecuencias de erosión e desmantelamento do solo nas zonas que foron arrasadas polos incendios. Un problema que hai que destacar é o que se produce en relación cá tala e a repoboación forestal que se está a levar a cabo con especies que non son autóctonas e que modifican a calidade do solo e dos acuíferos.
- Problemas derivados dos vertidos incontrolados: aínda que practicamente son inexistentes no concello, debido ó servicio de recollida do lixo e a posta de contedores para depositar o mesmo, os vertidos incontrolados de lixo no medio natural supoñen unha seria ameaza para o mesmo e provocan graves problemas de contaminación medioambiental.